Por medio desta publicación, a BMA quere pedir DESCULPAS  ao público asistente, á parroquia de Santa María e á Comisión de Festexos pola nosa actuación, a cal se viu alterada por varios cortes nos nosos equipos de son e iluminación.

Esta situación xa foi falada, aclarada e subsanada coa organización.

Grazas por contar connosco e agardamos poder volver vervos moi pronto.

A Banda de Música de Arzúa estrea web

Nós estamos moi entusiasmad@s, xa que é un día moi especial: hoxe estreamos a páxina Web!

Hai un tempo que nos aburrimos de ser unha banda tradicional e comezamos a cambiar para parecernos aos grupos que escoitabamos no noso tempo libre.

Para conseguilo, decidimos presentar un novo espectáculo cambiando o repertorio a música pop-rock, renovando o vestiario, introducindo soporte audiovisual e creando unha liña de merchandising. Continuando coa innovación, nace hoxe a nosa Web.

Se queres estar ao tanto da Newsletter, das Tour Dates e de todas as novidades da tribu da BMA, non te esquezas de consultar a Web e de seguirnos nas nosas redes sociais.

A BMA celebrou Sta. Icía rodeada dun gran número de persoas. O bo ambiente e a gran posta en escena fixeron do espectáculo un gran acontecemento na vila. Durante a primeira parte, a banda comezou con dous clásicos dentro do repertorio dos musicais: as cancións con máis sona da película “Mary Poppins” e os inconfundibles acordes de “Os Miserables”, para dar paso a unha das colaboración máis esperadas da noite: o musical de “O Rei León”. Mentres os fotogramas máis icónicos da xa clásica película de “O Rei León” invadían o recinto, deu comezo un desfile moi especial no cal os cativos e cativas de todos os colexios de Arzúa e o colectivo “Amarai” luciron os seus disfraces emulando aos animais da sabana. A emoción e os aplausos foron unánimes grazas á atmosfera que se xerou.

O espectáculo proseguiu recordando obras de renome como a asinada por Leonard Bernstein “West side story” e as melodías de “Sorrisos e bágoas”. A soprano Elisabet Filgueira brindounos outro dos momentos cume da velada: a interpretación vocal das cancións “Over the rainbow” do musical “O mago de Oz” e “Non chores por min Arxentina” do musical “Evita”. A voz de Elisabet xunto co acompañamento da banda foi a perfecta combinación nunha noite na que as emocións estiveron a flor de pel. A asociación de baile “Máisquedanza” puxo ritmo ao son de “Grease” cunhas coreografías con moito estilo que foron o final perfecto para unha noite inesquecible.

Xa chegando ao final da gala, o director da BMA Alberto Medraño quixo agradecer a participación a todos os colectivos implicados e ao público alí presente. Ademais da BMA e das entidades participantes, houbo unha gran protagonista: a “Fundación Andrea”. A súa presenza cunha finalidade solidaria non deixou a ninguén indiferente logo da proxección dun vídeo acerca da súa labor. Grazas á vila de Arzúa recadaron 3.187 €. A converxencia de todo isto fixo desta unha noite que xamais esqueceremos e para a que nunca teremos palabras suficientes de agradecemento.

Como cantaba Mecano, o 7 de setembro do 2019 é unha data que quedará marcada na memoria da BMA cando actuou por terceiro ano consecutivo no Festival de la Luz de Boimorto. A diferenza das edicións anteriores, este ano foi moi especial porque a BMA deu o seu concerto en horario prime time, no día grande do festival e como teloneiros da anfitrioa Luz Casal, acadando unha asistencia masiva de público que completou o aforo.

Foi un espectáculo digno dos máis soados macroconcertos, onde o público puido vibrar e gozar das estreas de “Dire Straits on the night” e do noso medley “Rock 70’s” coa música de Led Zeppelin, The Doors, Paul McCartney & The Wings e Pink Floyd, incluíndo o intre máxico da canción “Another brick in the wall” coreada pola multitude. O concerto seguiu coa posta en escena dos arranxos enérxicos de “AC DC in concert”, “Queen in concert” e “The final countdown” de Europe.

Pero había unha sorpresa gardada para o broche final: a estrea de “The Beatles reloaded” con outro arranxo espectacular do seu director Alber Medraño, dándolle unha enerxía descoñecida á música dos Beatles que acadou o seu cumio no final co tema “Hey Jude”. Foi tal o impacto no público, que na xornada seguinte do festival, Javier Gurruchaga e a súa “Orquesta Mondragón” chiscáronlle un ollo á BMA, rematando o seu concerto cun cover do mesmo tema.
Polo tanto, “El 7 de Septiembre es…” un día que nunca esqueceremos e que aínda nos emociona ao lembralo.