“El 7 de Septiembre es…”

Como cantaba Mecano, o 7 de setembro do 2019 é unha data que quedará marcada na memoria da BMA cando actuou por terceiro ano consecutivo no Festival de la Luz de Boimorto. A diferenza das edicións anteriores, este ano foi moi especial porque a BMA deu o seu concerto en horario prime time, no día grande do festival e como teloneiros da anfitrioa Luz Casal, acadando unha asistencia masiva de público que completou o aforo.

Foi un espectáculo digno dos máis soados macroconcertos, onde o público puido vibrar e gozar das estreas de “Dire Straits on the night” e do noso medley “Rock 70’s” coa música de Led Zeppelin, The Doors, Paul McCartney & The Wings e Pink Floyd, incluíndo o intre máxico da canción “Another brick in the wall” coreada pola multitude. O concerto seguiu coa posta en escena dos arranxos enérxicos de “AC DC in concert”, “Queen in concert” e “The final countdown” de Europe.

Pero había unha sorpresa gardada para o broche final: a estrea de “The Beatles reloaded” con outro arranxo espectacular do seu director Alber Medraño, dándolle unha enerxía descoñecida á música dos Beatles que acadou o seu cumio no final co tema “Hey Jude”. Foi tal o impacto no público, que na xornada seguinte do festival, Javier Gurruchaga e a súa “Orquesta Mondragón” chiscáronlle un ollo á BMA, rematando o seu concerto cun cover do mesmo tema.
Polo tanto, “El 7 de Septiembre es…” un día que nunca esqueceremos e que aínda nos emociona ao lembralo.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *