Por medio desta publicación, a BMA quere pedir DESCULPAS  ao público asistente, á parroquia de Santa María e á Comisión de Festexos pola nosa actuación, a cal se viu alterada por varios cortes nos nosos equipos de son e iluminación.

Esta situación xa foi falada, aclarada e subsanada coa organización.

Grazas por contar connosco e agardamos poder volver vervos moi pronto.

A Banda de Música de Arzúa estrea web

Nós estamos moi entusiasmad@s, xa que é un día moi especial: hoxe estreamos a páxina Web!

Hai un tempo que nos aburrimos de ser unha banda tradicional e comezamos a cambiar para parecernos aos grupos que escoitabamos no noso tempo libre.

Para conseguilo, decidimos presentar un novo espectáculo cambiando o repertorio a música pop-rock, renovando o vestiario, introducindo soporte audiovisual e creando unha liña de merchandising. Continuando coa innovación, nace hoxe a nosa Web.

Se queres estar ao tanto da Newsletter, das Tour Dates e de todas as novidades da tribu da BMA, non te esquezas de consultar a Web e de seguirnos nas nosas redes sociais.

A BMA celebrou Sta. Icía rodeada dun gran número de persoas. O bo ambiente e a gran posta en escena fixeron do espectáculo un gran acontecemento na vila. Durante a primeira parte, a banda comezou con dous clásicos dentro do repertorio dos musicais: as cancións con máis sona da película “Mary Poppins” e os inconfundibles acordes de “Os Miserables”, para dar paso a unha das colaboración máis esperadas da noite: o musical de “O Rei León”. Mentres os fotogramas máis icónicos da xa clásica película de “O Rei León” invadían o recinto, deu comezo un desfile moi especial no cal os cativos e cativas de todos os colexios de Arzúa e o colectivo “Amarai” luciron os seus disfraces emulando aos animais da sabana. A emoción e os aplausos foron unánimes grazas á atmosfera que se xerou.

O espectáculo proseguiu recordando obras de renome como a asinada por Leonard Bernstein “West side story” e as melodías de “Sorrisos e bágoas”. A soprano Elisabet Filgueira brindounos outro dos momentos cume da velada: a interpretación vocal das cancións “Over the rainbow” do musical “O mago de Oz” e “Non chores por min Arxentina” do musical “Evita”. A voz de Elisabet xunto co acompañamento da banda foi a perfecta combinación nunha noite na que as emocións estiveron a flor de pel. A asociación de baile “Máisquedanza” puxo ritmo ao son de “Grease” cunhas coreografías con moito estilo que foron o final perfecto para unha noite inesquecible.

Xa chegando ao final da gala, o director da BMA Alberto Medraño quixo agradecer a participación a todos os colectivos implicados e ao público alí presente. Ademais da BMA e das entidades participantes, houbo unha gran protagonista: a “Fundación Andrea”. A súa presenza cunha finalidade solidaria non deixou a ninguén indiferente logo da proxección dun vídeo acerca da súa labor. Grazas á vila de Arzúa recadaron 3.187 €. A converxencia de todo isto fixo desta unha noite que xamais esqueceremos e para a que nunca teremos palabras suficientes de agradecemento.

Como cantaba Mecano, o 7 de setembro do 2019 é unha data que quedará marcada na memoria da BMA cando actuou por terceiro ano consecutivo no Festival de la Luz de Boimorto. A diferenza das edicións anteriores, este ano foi moi especial porque a BMA deu o seu concerto en horario prime time, no día grande do festival e como teloneiros da anfitrioa Luz Casal, acadando unha asistencia masiva de público que completou o aforo.

Foi un espectáculo digno dos máis soados macroconcertos, onde o público puido vibrar e gozar das estreas de “Dire Straits on the night” e do noso medley “Rock 70’s” coa música de Led Zeppelin, The Doors, Paul McCartney & The Wings e Pink Floyd, incluíndo o intre máxico da canción “Another brick in the wall” coreada pola multitude. O concerto seguiu coa posta en escena dos arranxos enérxicos de “AC DC in concert”, “Queen in concert” e “The final countdown” de Europe.

Pero había unha sorpresa gardada para o broche final: a estrea de “The Beatles reloaded” con outro arranxo espectacular do seu director Alber Medraño, dándolle unha enerxía descoñecida á música dos Beatles que acadou o seu cumio no final co tema “Hey Jude”. Foi tal o impacto no público, que na xornada seguinte do festival, Javier Gurruchaga e a súa “Orquesta Mondragón” chiscáronlle un ollo á BMA, rematando o seu concerto cun cover do mesmo tema.
Polo tanto, “El 7 de Septiembre es…” un día que nunca esqueceremos e que aínda nos emociona ao lembralo.

Somos unha tribu de músicos que nos xuntamos para tocar os temas de pop-rock dos grupos e artistas máis populares. Cando o facemos, a diversión está garantida e sempre o pasamos xenial. Tamén nos gosta xuntarnos para cear, viaxar, vivir aventuras, ir a festivais e concertos, bailar e tomar algo despois dos ensaios.

Como en todas as familias, tamén hai momentos nos que temos que afrontar dificultades, pero as superamos unid@s. Pero cando subimos ao escenario e vemos a túa reacción e os aplausos do público, ese intre é tan máxico, que nos enche de enerxía para esquecer todo e gozar contigo.

Esquécete da túa rutina cotiá e únete á nosa viaxe musical a través do tempo. Xuntos percorreremos diferentes épocas gozando dos éxitos de ABBA, AC DC, Mecano, Deep Purple, Queen, Guns n’ Roses, Alaska, Scorpions, Michael Jackson, Led Zeppelin, Santana, Pink Floyd, The Beatles, Rosendo, Medina Azahara, The Doors, Barricada, Siniestro Total, Extremoduro, Héroes del Silencio, Los Suaves, Bon Jovi, The Blues Brothers, Barón Rojo, Obús, Ramoncín, Dire Straits, Europe, Miguel Rios, Seguridad Social… e moitos outros máis.

A nosa proposta inclúe instrumentos modernos na orquestración dunha banda sinfónica, como a guitarra eléctrica, o baixo eléctrico, o teclado e unha percusión de gran magnitude con dúas baterías. Ademais, a posta en escena é espectacular, empregando medios de iluminación e son profesionais nun produto audiovisual de gran impacto.

Acompaña á nosa tribu nesta viaxe apaixonante. Asegurámosche que non te vas arrepentir! Contamos contigo!