Un Multiusos ateigado e unha onda solidaria, protagonistas da gran Sta. Icía coa BMA

A BMA celebrou Sta. Icía rodeada dun gran número de persoas. O bo ambiente e a gran posta en escena fixeron do espectáculo un gran acontecemento na vila. Durante a primeira parte, a banda comezou con dous clásicos dentro do repertorio dos musicais: as cancións con máis sona da película “Mary Poppins” e os inconfundibles acordes de “Os Miserables”, para dar paso a unha das colaboración máis esperadas da noite: o musical de “O Rei León”. Mentres os fotogramas máis icónicos da xa clásica película de “O Rei León” invadían o recinto, deu comezo un desfile moi especial no cal os cativos e cativas de todos os colexios de Arzúa e o colectivo “Amarai” luciron os seus disfraces emulando aos animais da sabana. A emoción e os aplausos foron unánimes grazas á atmosfera que se xerou.

O espectáculo proseguiu recordando obras de renome como a asinada por Leonard Bernstein “West side story” e as melodías de “Sorrisos e bágoas”. A soprano Elisabet Filgueira brindounos outro dos momentos cume da velada: a interpretación vocal das cancións “Over the rainbow” do musical “O mago de Oz” e “Non chores por min Arxentina” do musical “Evita”. A voz de Elisabet xunto co acompañamento da banda foi a perfecta combinación nunha noite na que as emocións estiveron a flor de pel. A asociación de baile “Máisquedanza” puxo ritmo ao son de “Grease” cunhas coreografías con moito estilo que foron o final perfecto para unha noite inesquecible.

Xa chegando ao final da gala, o director da BMA Alberto Medraño quixo agradecer a participación a todos os colectivos implicados e ao público alí presente. Ademais da BMA e das entidades participantes, houbo unha gran protagonista: a “Fundación Andrea”. A súa presenza cunha finalidade solidaria non deixou a ninguén indiferente logo da proxección dun vídeo acerca da súa labor. Grazas á vila de Arzúa recadaron 3.187 €. A converxencia de todo isto fixo desta unha noite que xamais esqueceremos e para a que nunca teremos palabras suficientes de agradecemento.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *